Thursday 19 de September de 2024

O Confurco acollerá a finais de ano un monumento en memoria das vítimas da ditadura franquista en Lousame


A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza convoca un concurso de idea entre os escultores da comarca, que deberán presentar as súas propostas antes de setembro

A Comisión pola Recuperacion da Memoria Histórica do Barbanza (CRMHB), en colaboración co Concello de Lousame, vai instalar antes de que finalice este ano un monumento en recordo e recoñecemento ás vítimas da ditadura franquista no lugar do Confurco, xusto a carón da pista polideportiva municipal. Así llo confirmou o presidente da CRMHB, Andrés Lijó, á alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, durante un acto reivindicativo celebrado no Confuco co gallo do 80 aniversario do golpe de Estado franquista.

Un acto no que ambos estiveron acompañados polos voceiros dos grupos municipais do PSOE, Julio Paradela; e BNG, Amador Turnes; así como por Ana Souto, Nela Abella e Xoán Hermida, membros da CRMHB; o historiador Xerardo Agrafoxo e o presidente da Asociación Cultural Terra de Outes, Xoán Mariño. Andrés Lijó indicou que “é unha alegría que hoxe, que se cumpren 80 anos desa desgraza, consigamos que a xente saiba o que aquí pasou” e agradeceulle a colaboración ao Concello de Lousame porque “un concello do PP, que tome esta iniciativa valente, ten todo o mérito do mundo”.

Pola súa banda, Teresa Villaverde amousouse “encantada de colaborar, de recoñecer ás vítimas e que o Confurco pase de ser un lugar sinistro a un lugar de concordia onde se reivindique ás vítimas”. Neste sentido, Xerardo Agrafoxo, doutor en Historia pola USC e investigador especializado na Guerra Civil en Lousame e Noia, apuntou que “se hai un lugar tristemente emblemático en Lousame é o Confurco. Neste lugar limítrofe entre dous concellos matouse a varias persoas e temos que dignificar isto”.

Concurso

O tesoureiro da CRMHB, Xoán Hermida, explicou que a Comisión vai abrir de inmediato un concurso de ideas entre os escultores da comarca para a construción do monumento de recordo e reivindicación ás vítimas da ditadura franquista. A idea é que no próximo mes de setembro se presenten as propostas e mesmo organizar unha nova visita ao lugar para que os artistas expliquen in situ o seu proxecto. De acordo con estas previsións, o monumento podería instalarse antes de que finalice o 2016.